Pregunta per Parlamento de Galicia

Debería a Xunta de Galicia persoarse como acusación popular ante a grave vulneración dos dereitos de centos de mulleres vítimas de explotación sexual na chamada Operación Carioca, cando ademais están implicadas diferentes administracións públicas?

64 persones li han donat suport
64 de 500 Suports
Impunidade Carioca Pregunta de Impunidade Carioca

En Lugo, máis de 200 mulleres vítimas de trata con fins de explotación sexual seguen sen atopar xustiza, despois de sufrir unha das formas máis terribles da violencia machista. As historias son arrepiantes, repíntense nomes, lugares, métodos para captalas e escravizalas en España, tal como se reflicte nos autos da xuíza.

A investigación da Operación Carioca comezou en decembro de 2008, tras a denuncia interposta pola testemuña protexida 123-B, unha muller de orixe brasileira, que relatou ter sido agredida sexualmente polo cabo primeiro da Garda Civil, Armando Lorenzo, o principal imputado da peza central desta causa. Segundo o auto xudicial que conclúe a instrución, este axente integrante da propia unidade de perseguir os delitos relacionados coa trata con fins de explotación sexual, aproveitábase das mulleres en situación irregular adicadas á prostitución para forzalas a manter relacións sexuais a cambio de protexelas fronte ás redadas policiais; e tamén intercambiaba favores cos proxenetas dun total de 13 prostíbulos lucenses, aos que libraba da vixianza dos seus delitos a cambio de cartos e sexo gratis.

A partir de aí destápase un escenario terrible. 440 mulleres identificadas como vítimas e/ou testemuñas da rede de trata con fins de explotación sexual. Dentro dos 5 clubs investigados en Lugo descubriuse que a lo menos 150 mulleres viñeron con débeda cos proxenetas a España e 40 contraeron esa débeda ao chegar os clubs por medio de sancións, multas e coa subtracción de parte do pago que recibían. Dentro dos clubs prodúcense verdadeiras historias de terror, sendo relatadas polas mulleres malleiras, retencións, ameazas, extorsións, violacións, abortos obrigados, imposición de horarios e clientes, prostitución de menores, etc.

Unha rede con máis de 85 imputados, entre eles membros dos distintos corpos de seguridade do Estado (Garda Civil, Policía Local, Nacional, Xudicial...) e funcionarios de distintas áreas, moitos directamente vinculados con departamentos encargados de perseguir os delitos de tráfico e trata de persoas ou do ámbito da estranxeiría. Varios dos imputados e investigados polo Caso Carioca vincúlanse con outras causas abertas por corrupción na cidade de Lugo como o Caso Pokemon e Campeón. Sábese de que algúns destes feitos foron postos en coñecemento da Subdelegación de Goberno durante os anos 2005-2006 sen que se iniciara ningunha acción, permitindo que se seguira producindo a explotación destas mulleres con total impunidade.

O medo é unha constante nas experiencias vividas polas mulleres vítimas pero, a pesares del, atrevéronse a denunciar. Este acto de valentía non tivo, ó longo do tempo, unha resposta xudicial e institucional á altura. Estamos a ver abraiadas como a Fiscalía de Lugo, que debería de velar pola defensa do interese público e a protección das vítimas, desatende esta función ó longo de todo o procedemento, nun traballo que semella máis de defensa dos investigados que de protección das numerosas vítimas, que se atopan en situación de absoluto desamparo. As últimas medidas adoptadas por este órgano non nos podían deixar impasibles. A Fiscalía está a arquivar algunha das pezas fundamentais ou acusa soamente ós proxenetas urdindo estraños argumentos para exculpar a membros das forzas e corpos de seguridade do Estado e a cargos de responsabilidade da cidade.

En Lugo somos moitas as persoas preocupadas polo que está a ocorrer. Preocúpanos que os delitos contra as mulleres sigan sen ter unha resposta legal xusta ante a inacción (ou complicidade coa rede mafiosa) da Fiscalía. Preocúpanos que os axentes socias que nos representan ou teñen responsabilidade sobre a nosa seguridade participen directamente deste terrible delito e saian impunes. Tamén nos preocupa a impasividade das Administracións na defensa de tantas mulleres e que non asuman responsabilidades nun tema tan importante.

Consideramos que o goberno a nivel autonómico debería persoarse como acusación popular na procura de xustiza. Este ofrecemento realízase en virtude do artigo 30 la Lei galega 11/2007 contra a violencia de xénero, que regula o exercicio da acción popular, permitindo á Administración da Xunta de Galicia exercela nos procedementos penais por violencia de xénero. Tendo en conta que a mesma lei contempla no seu artigo 3 a trata de mulleres e nenas como forma de violencia de xénero (adiantándose ó que agora xa recoñece o Pacto de Estado), a Xunta está plenamente facultada para persoarse neste caso como acusación.

Detrás do número da testemuña que se atreveu a dicir basta ante este tremendo abuso de poder, o 123-B,  está o nome  dunha muller violada, maltratada, escravizada, que viviu durante anos morta de medo como tantas outras. Unha muller valente que se atreveu a sinalar a un home poderoso que a tiña controlada baixo a ameaza de deportación, a pesar de que arriscaba o seu precario medio de vida e a súa vida mesma. Testemuñas coma a desta muller chegan a 377 dentro deste sumario, centos de mulleres inmigrantes e en circunstancias de extrema pobreza que segundo o que establece Lei 11/2007 galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, deben considerarse todas lexitimamente vítimas de violencia de xénero. Por que a Xunta de Galicia non actúa do mesmo xeito que se estivésemos ante unha veciña empadroada en calquera municipio galego que tivese sido asasinada pola súa parella ou ex parella? Que sentido ten persoarse só como acusación nos casos nos que o resultado é de feminicidio? Por que non se gardan minutos de silencio nin se convocan manifestacións por todas as mulleres que están a ser torturadas e explotadas dentro dos prostíbulos que temos tan preto das nosas casas? Hai vítimas de violencia de xénero de primeira e de segunda clase?  As mulleres inmigrantes en situación irregular e de prostitución non merecen a mesma protección social e pública que o resto de mulleres maltratadas?

Así, atendendo ó Convenio de Estambul, á normativa vixente, ás directrices sinaladas no Pacto de Estado e á sensibilidade ante o ocorrido a centenas de mulleres vítimas, consideramos (tamén o considera así o fai a propia xuíza instrutora e a Rede Galega contra a Trata), que a Xunta de Galicia debería persoarse como acusación popular e, gustaríanos ter a opinión –e un compromiso activo– dos diferentes grupos parlamentarios ao respecto.

64 persones li han donat suport
64 de 500 Suports

o

Pregunta dirigida a: Parlamento de Galicia

BNG

0 Suports Polítics

Preguntar

35123 Suports Polítics

Preguntar

PSdeG

PSdeG

0 Suports Polítics

Preguntar

En Marea

En Marea

0 Suports Polítics

Preguntar